Sunday 28 de April de 2024

O artista noiés Manuel Romero amosará unha exposición retrospectiva no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira


 

Do 10 de xaneiro ao 29 de febreiro, o Centros Cultural Lustres Rivas vai albergar unha nova exposición titulada “Mis etapas”. Trátase dunha mostra retrospectiva do artista noiés Manuel Romero.

Está formada por 23 óleos e 3 esculturas de bronce envellecidas mergullándoas no mar durante un ano. Un dos seus lenzos, titulado “Puerto de Riveira y Club Náutico”, será doado polo artista ao noso Concello.

Residente en Londres (onde se licenciou en Belas Artes pola Universidade de Kingston), Manuel Romero está a ser internacionalmente recoñecido como un dos grandes creadores da arte española. Así o demostran as súas exposicións no Museo Adzak de París, no Instituto de España en París, Oslo e Chicago, en todas elas conseguindo a loanza do público. Tamén ten exposto en lugares como Xapón ou Nova York e mesmo creou e dirixiu unha galería de arte ca capital británica, denominada Gallery Blason.

En 2018 foi galardoado co Premio Barbantia pola súa traxectoria artística e o seu labor a prol da cultura galega, ademáis de ser obxecto doutros premios e recoñecementos.

“Mis etapas” será inaugurada o venres 10 de xaneiro ás 21 horas. Poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.

Biografía
Nacido en Noia o 22 de novembro de 1943 no seo dunha das familias máis humildes da vila. Con tres anos trasládase á Coruña coa familia e un ano despois falece o seu pai. A nai abandona os fillos sendo Manuel Romero, con catro anos, o maior dos irmáns. Durante un ano subsistiron pedindo limosna e realizando pequenos furtos para poder comer e durmindo nos portais dalgunhas vivendas. Posteriormente foron recollidos pola Deputación da Coruña e ingresados na Casa Cuna, destinados dende alí ao Hospicio Municipal. Ao facer os trece anos foi ingresado no fogar Calvo Sotelo, onde abruptamente termina os seus estudos logo de afrentar a un cura. Fai a mili e ao rematar emigra a Londres.